quinta-feira, 1 de março de 2012

A VACA

A vaca é o símbolo da paz.

Val máis o que siñifica unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: "O albre xenealóxico dunha vaca de leite é máis útil que o albre xenealóxico dun aristócrata".

A vaca esqueceuse dos cornos e dános o seu traballo, o seu leite, a súa carne, o seu coiro e a carne e o coiro dos seus fillos. Non nos pode dar máis.

O can será o amparo dos ricos, que defende a propriedade do amo e ladra aos probes que van polos camiños. En troques a vaca é o amparo dos probes libres.

Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os "concursos de belleza".

A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.

As "señoritas" que choran pola morte dun can ridículo non comprenden a door dunha familia labrega cando se lle morre unha vaca.

Se non fose polo leite das vacas a piolleira das cibdades morreríase desnutrida. A vaca é a ama de cría da Humanidade.

O día que nós emitamos papel-moeda non estamparemos nel o retrato dos políticos, nin dos sabios, nin dos artistas; estamparíamos, somentes, a figura dunha vaca, como símbolo da nosa economía humanamente distribuida.

O día que Galiza sexa unha comunidade cooperativa, ergueremos un gran moimento cunha vaca en bronce dourado.

Tamén hai razas de vacas, e a mellor é a nosa.

O día que seipamos o que val unha vaca, Galiza quedará redimida.

"A VACA". Castelao, Sempre en Galiza. Libro 1º, cap. XXXII